Fundación iS+D | ismasd@isdfundacion.org | +34 91 630 09 58

Blog

3 jul 2015

Convócase o XX Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais | 31 agosto 2015

Co fin de honrar a memoria de Vicente Risco, axudar á consolidación da nosa cultura, á normalización lingüística do galego e a fortalecer as relacións con Portugal e a lusofonía, os concellos de Allariz e Castro Caldelas, as Fundacións Vicente Risco e Sotelo Blanco, xunto coa Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD), por medio do seu Centro de Estudos Transdisciplinares para o Desenvolvimento (CETRAD), convocan o XX PREMIO VICENTE RISCO DE CIENCIAS SOCIAIS, dotado, antes dos impostos preceptivos, con 4.500 euros e que se ha rexer polas seguintes

 Risco-d’ptico-2005

BASES

Primeira.– Poderá concorrer ao premio calquera persoa, sen distinción de idade ou nacionalidade, que presente os seus textos en lingua galega ou portuguesa, conforme ás Normas Ortográficas e Morfolóxicas da RAG e/ou do Acordo Ortográfico da Língua Portuguesa. Os textos presentados ao premio deben ser inéditos, totalmente orixinais, non estar publicados nin traducidos en ningún formato, e teñen que tratar de investigacións referidas a Galiza e/ou o Norte de Portugal, sempre desde o punto de vista do campo das ciencias sociais (antropoloxía, socioloxía, historia, lingüística, xeografía, economía, turismo…). Os traballos de investigación deben ter unha extensión mínima de 150 páxinas e unha extensión máxima de 300 páxinas, tamaño folio e mecanografadas a dobre espazo. Valorarase especialmente que o estilo expositivo se adecúe aos usos habituais do xénero ensaístico.

Segunda.– De cada texto presentaranse cinco (5) copias en papel antes do día 31 de agosto do 2015, remitíndoas á Fundación Sotelo Blanco, San Marcos  77, 15820 Santiago de Compostela, Galiza.

Terceira.– Os orixinais serán presentados sen identificación da autoría. Cos orixinais, que irán precedidos polo título ou lema escollidos polo autor, axuntarase un sobre pechado no que figure por fóra o título ou lema e que conteña o nome completo, DNI, B.I. ou cartão de cidadão, enderezo e teléfono do autor, así como o título da obra; indicando no exterior do sobre: xx premio vicente risco de ciencias sociais.

Cuarta.– O xurado estará composto por seis (6) membros que, relacionados co campo da cultura e das ciencias sociais, serán nomeados polas entidades convocantes. Un deles actuará como secretario. O premio ao mellor traballo de investigación presentado outorgarase por maioría de votos.

Quinta.– A composición do xurado darase a coñecer publicamente na primeira quincena do mes de setembro.

Sexta.– A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer no transcurso do ano 2015 e a entrega do premio realizarase no decurso dun acto que se celebrará en Vila Real (Portugal) en data que se comunicará oportunamente.

Sétima.– O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable.

Oitava.– Os gañadores do premio nalgunha das súas edicións anteriores non po­derán concorrer nesta convocatoria.

Novena.– Sotelo Blanco Edicións, segundo acordo coas entidades organizadoras, resérvase o dereito de publicación da obra gañadora sen limitación de número de exemplares nin de edicións, reservándose tamén os dereitos de edición da mesma en calquera lingua, coa posibilidade de ceder tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase en concepto de adianto polos dereitos de autor. O beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente vinte (20) exemplares da obra publicada.

Décima.– Os orixinais non premiados poderanse retirar logo de pasados quince (15) días da data do fallo. Os orixinais que non se retiraren, destruiranse.

A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.

Más información en su página web

 

Deja un Comentario